Amarelante é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra creada en 2013 en Manzaneda (Ourense) para a recuperación de soutos abandonados e a elaboración de produtos a partir da castaña. Somos oito socias que buscan revitalizar o rural galego de montaña nunha zona moi despoboada e envellecida (en 114 quilómetros cadrados vivimos pouco máis de 800 persoas).
Fai dez anos que comezamos a nosa particular aventura entre castiñeiros convencidas das súas posibilidades e de que é posible vivir no rural, non sobrevivir. Durante este tempo puxemos en producción dez hectáreas de soutos que levaban moitos anos abandonados a través dun sistema de aluguer ou cesión cos seus donos, lanzamos ao mercado tres produtos (castañas secas, fariña de castaña e bica), participamos en varios proxectos de investigación coa universidade e centros de investigación, mecanizamos o noso procedemento de secado de castaña, participamos en charlas divulgativas, organizamos actividades sociais e culturais na zona… Sen embargo, a avispiña, a seca e o chancro fixeron que a produción merme ano a ano, ata o punto de que a última colleita foi ata un 85 % menos do habitual. Esta situación levounos a un punto de estancamento no que necesitamos realizar unha inversión para consolidar e impulsar o proxecto. Amarelante necesítate! Contamos contigo para poder seguir recuperando castiñeiros centenarios, lanzar novos produtos ao mercado e consolidar a nosa cooperativa para ofrecer unha alternativa real na que vivir no rural galego.
Descripción del proyecto. Características, fortalezas y diferenciales.
Como as últimas campañas foron tan malas debemos empregar de forma eficiente a nosa materia prima, lanzar ao mercado novos produtos elaborados con castaña e darlle así un valor engadido a un froito que cada ano é máis escaso. Ata o momento fixémolo coas castañas secas, a fariña e a bica. Agora desde Amarelante temos en marcha outro proxecto para o que necesitamos da túa colaboración.
Lanzamento ao mercado duns copos de almorzo de castaña: como resultado da nosa participación no proxecto “Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña”, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca) de Galicia, queremos lanzar ao mercado este novo produto derivado da castaña. Trátase duns copos para o almorzo (folerpas) que representarían unha nova opción saudable para os consumidores e consumidoras. Contamos coa receita e o procedemento de elaboración, pero non coa inversión necesaria para lanzalos ao mercado.
Para iso necesitamos invertir no acondicionamento do noso obrador, así como nunha serie de maquinaria e equipamento básico (amasadora, laminadora, forno e lavalouzas). Asimismo, e co obxectivo de dar a coñecer este novo produto tanto entre a nosa clientela actual coma potencial, temos previstas accións de promoción a través de redes sociais, feiras sectoriais e visitas directas a establecementos, priorizando sempre o pequeno comercio local.
Motivación y a quién va dirigido el proyecto
Colaborar con Amarelante é facelo cunha cooperativa baseada na xustiza social, a sustentabilidade, o ecoloxismo, o feminismo e o respecto polo medio rural.
Además, estarás axudando a:
- Recuperar soutos centenarios a través de poder continuar coa principal actividade da cooperativa que é o coidado, limpeza e posta en valor de castiñeiros que levan anos abandonados.
- Colaborar, grazas á recuperación de soutos, nunha das mellores estratexias contra os lumes forestais.
- Coidar zonas con gran valor medioambiental, fomentando a biodiversidade e loitando contra a mudanza climática, conservando un recurso vital para o turismo mais tamén para a paisaxe e a cultura que nos identifica coma pobo.
- Conservar o noso patrimonio natural amosando, ó mesmo tempo, que outra xestión do monte é posiblefronte á plantación masiva de eucaliptos.
- Impulsar un proxecto agroalimentario que aposta pola sostenibilidade, a economía circular, social e colaborativa e a elaboración de produtos con valor engadido, asemade potenciar o sector da castaña incorporando ó mercado novos xeitos de consumila.
- Manter un proxecto económico e social de defensa do rural nunha zona de montaña fortemente envellecida e despoboada.
Experiencia previa y equipo
Amarelante Sociedade Cooperativa Galega naceu no ano 2013. Somos unha cooperativa de explotación comunitaria da terra ubicada no concello ourensán de Manzaneda. Entendemos o noso proxecto como unha ferramenta de transformación social que vai moito máis alá do beneficio económico. Apostamos por impulsar o rural, cunha visión integradora que combine tradición e innovación. E facémolo a través dos nosos recursos propios para que un produto tan importante como a castaña non quede en mans de grandes empresas que a venden a outros países, onde se transforma para obter un maior beneficio.