Bos días desde Manzaneda:
Plans para este festivo? A nós tócanos traballar xa que comeza unha das épocas do ano decisivas para a cooperativa: o castañal. Hai que pór a nave a punto e ir ‘dar unha voltiña’ polos soutos para ver se xa empezan ‘a pingar’, que é como lle chamamos nesta zona ao feito de que os ourizos caigan dos castiñeiros. De momento a cousa non pinta moi ben e, por iso, estamos expectantes e moi pendentes da meteoroloxía. Ogallá choiva dunha vez!
Se vos preguntades cal é o noso sistema para recoller as castañas contámovolos sen problema. Non hai truco: agachándose. Si, a recollida é toda manual xa que a orografía complica a mecanización e, ademáis, deste xeito facemos no propio souto unha primeira selección, desbotando as castañas que teñan verme ou estén en mal estado. Así, durante os próximos días as nosas xornadas transcurrirán de souto en souto na busca de castañas. Cada un vai apañando nun caldeiro, despois xúntanse e sacos e, por último, trasládanse ata a nosa nave, onde se seleccionan para vender en fresco ou secar. Son días intensos, de moito cansanzo, pero o certo é que como os últimos anos foron tan ruíns estamos desexosas de que a colleita sexa boa aínda que iso supoña acabar coas costas un pouco doloridas. Crucemos dedos… e castañas haxa!
Grazas por colaborar no crowdfunfing de Amarelante. Podes seguir axudándonos compartindo o proxecto nas túas redes sociais e canais de mensaxería.
Natalia, Marcos, Sonia, Óscar, Iria, Davide, Luz e Lito